Loading...

martes, 2 de junio de 2009

Petición á Deputación de Lugo

O alcalde demándalle á Deputación de Lugo a ampliación da ponte sobre a liña de feve na estrada Ribadeo-Vilela. Fernando Suárez sinala que é porta obrigada de entrada de vehículos e de persoas, sobre todo para as parroquias do interior.

O rexedor mandóulle un escrito ao presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, demandando a ampliación da ponte sobre a liña de Feve que hai na estrada Ribadeo-Vilela. Fernando Suárez explicou que "no día de hoxe enviámoslle ao presidente da Deputación de Lugo, este organismo que é propietario da estrada Ribadeo-Vilela, un escrito acompañado dun informe exhaustivo que recomenda a ampliación de dita ponte. E singularmente querémoslle transmitir a nosa preocupación pola situación desta ponte que pasa sobre a liña de Feve na parroquia de Ove e que é porta obrigada de entrada de vehículos e de persoas, sobre todo das parroquias do interior".

Suárez Barcia sinala que "segundo adxuntamos cun informe técnico moi ben elaborado decimos que é necesario ampliar esta ponte dado que é moi estreita e se producen circunstancias moi perigosas cando se cruzan dous coches e un peatón tamén a está a atravesar. É moi angosta e moi estreita e cando se xuntan dous camións eso pode ser terrible, sobre todo si é de noite, si chove ou si fai mal tempo e xa teñen producido numerosos momentos críticos". O alcalde engade que "lle pedimos á Deputación Provincial de Lugo, como ten feito xa noutros lugares da provincia, que dote para este ano os recursos necesarios para costear unha ampliación da ponte. Técnicamente non é nada complexo e económicamente non é tan elevado e se garantiría unha mellor fluidez no tráfico, mellor seguridade para os viandantes e o custe non sería demasiado elevado".

O informe presentado polo Concello recolle que "na ponte a distancia entre peitoriles é de 5,80 metros. A ambos lados existen, delimitados con pintura, uns pequenos pasos peatonales de 0,60 e 0,70 metros, respectivamente. Q uere isto dicir que o paso para vehículos queda limitado a 4,50 metros. Estas dimensións resultan de xeito evidente insuficientes, tanto para os vehículos como para os peatóns que teñen que controlar o tráfico en cada momento para decidirse a pasar, posto que si deciden ou lles coincide pasar no momento en que dous vehículos se cruzan, a súa integridade corre graves riscos". En dito informe pónse de manifesto que "esta estrada, hai uns anos, tiña pouco tráfico e escasa circulación de peatóns pero na actualidade é un vial con circulación moi intensa, é paso obrigado para todos os veciños das parroquias de Ove, Covelas, Cedofeita, Remourelle, Piñeira, Vilaframail e A Devesa. Quere isto dicir que máis da metade dos habitantes das parroquias do concello teñen que utilizar necesariamente esta estrada. Pero ademáis o núcleo urbano estendéuse cara esa zona".

O informe elaborado polo Concello tamén sinala que "xa houbo numerosos sinistros, ata o momento todos se limitaron a danos materiais, pero gustaríanos, dada a intensidade de peatóns que pasan pola ponte e o volumen de tráfico que aumentou esaxeradamente, que algún día non teñamos que lamentar outros danos irreparables".

No hay comentarios: