Loading...

lunes, 25 de mayo de 2009

II Volta ás Comarcas de Lugo

Ribadeo acollerá a saída e a chegada da primeira etapa da II Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo o vindeiro venres. Varias rúas como as avenidas de Galicia e de Asturias ademáis da inmediacións da praza de abastos se verán afectadas por cortes de tráfico e pola prohibición de estacionar nesa xornada. O edil de Deportes, Vicente Castro, pide disculpas polas molestias que se poidan ocasionar e tamén colaboración á cidadanía.

O Concello de Ribadeo acolleu esta mañá a presentación da II Volta ás Comarcas de Lugo –Gran Premio Deputación– que se desenvolverá os días 29, 30 e 31 de maio por varias zonas da Mariña, Lugo, Os Ancares e Chantada. En total participarán 18 equipos: 7 galegos, 2 portugueses, outros 7 españois, 1 ruso e 1 italiano. A primeira etapa desta Volta ás Comarcas de Lugo terá como punto de saída e chegada Ribadeo. Ás 13:30 horas do día 29 de maio comezará a primeira das xornadas na que os participantes percorrerán un total de 142 kms pasando por concellos como os de Viveiro, Mondoñedo e Burela, entre outros.

O concelleiro de Deportes, Vicente Castro, sinalou que se trata "dunha proba de élite que é a antesala do ciclismo profesional. É unha oportunidade importante para Ribadeo, dado que acollerá unha proba destas características na que participan uns 150 corredores e toda a montaxe da organización e dos clubes que traen a Ribadeo a unhas 500 personas. É importante tanto desde o punto de vista deportivo como turístico para dar a coñecer e difundir a imaxe de Ribadeo e para promocionar o ciclismo a nivel de base". Castro engadiu que "a proba en sí é a menos dura das tres etapas que compoñen a volta que comenza na Mariña, segue o sábado por Lugo centro e remata o domingo en Chantada".

O edil nacionalista recoñece que a Volta ás Comarcas de Lugo "traerá consigo dificultades e molestias para os comercios e para os veciños de Ribadeo porque é equiparable a unha etapa da volta ciclista España. Suporá cortes de tráfico importantes e a supresión de zonas de aparcamento durante grande parte do venres, algo que se verá compensado desde o punto económico e turístico". Vicente Castro pide "a colaboración dos veciños e desde o Concello daremos a máxima información posible dos cambios que haberá no tráfico e dos peches de rúas e zonas de aparcamento. Xa adianto que as inmediacións da praza de abastos, Doutor Moreda e Vicente Pérez Martínez estarán cortadas como mínimo tres horas antes do inicio da proba previsto para a unha e media do mediodía, e á chegada ás catro e media estarán cortadas durante unha hora a entrada desde O Voar, a Avenida de Galicia, Avenida de Asturias ademáis do entorno da praza. Iremos concretando os detalles ao longo destes días e pido disculpas polas molestias ocasionadas. Estarán valadas a Avenida de Galicia e a Avenida de Asturias desde a rúa Vilalba ata a rúa Reinante aproximadamente, entón en toda esa zona estará prohibido o estacionamento e estará afectada tamén por diversos cortes de tráfico".

O Concello tamén "pediu colaboración aos colexios de Ribadeo para que suspendan as clases unha hora antes da chegada desta proba e así evitar as complicacións do tráfico que ocasiona a saída dos centros e para que os rapaces tamén poidan acudir e disfrutar desta Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo que chegará a Ribadeo a partires das 16:30 horas", seguiu a relatar Vicente Castro.
O concelleiro de Deportes tivo palabras de agradecemento para a organización da proba que corre a cargo do Clube Ciclista Cidade de Lugo e tamén para Área de Deportes da Deputación "por darnos a oportunidade de disfrutar desta proba, deste nivel e de brindarnos esta ocasión porque Ribadeo non tivo moitas oportunidades coma ésta. Que eu recorde desde unha meta volante da Volta a España no ano 1988 non disfrutamos de nada así".