Loading...

lunes, 25 de mayo de 2009

Ribadeo de tapeo

A Cervecería Raxería Pizzbur, La Lira e O Alén foron os gañadores da cuarta edición do concurso de tapas "Ribadeo de tapeo" que onte rematou na vila con grande éxito de participación. Houbo tamén mencións especiais para o Bar Galicia e para O Cantón. O alcalde de Ribadeo, Fernando Súárez, amósase moi satisfeito pola grande afluencia de público que acudiu a esta cita coa cociña en miniatura.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase moi satisfeito polo éxito da cuarta edición do Ribadeo de tapeo. O rexedor sinala que "podemos dicir que foi un éxito absoluto e rotundo en cando a número de participantes, tivemos 31 con 49 tapas presentadas. O destacable, sobor de todo, foi a cantidade de xente enorme que tivo Ribadeo nestes nove días, que estivo visitando, degustando e disfrutando da hostelería e de Ribadeo, e sobre todo disfrutando desta cociña en miniatura que son as tapas". Fernando Suárez apuntou que "un xurado singular e moi profesional adicado a este sector escolleu aos gañadores, ainda que aquí como dicimos sempre o importante non é gañar, senón que o importante é participar".

O premio á mellor tapa do ano foi para os ovos rotos con bacallau da Cervecería Raxería Pizzbur; a mellor tapa tradicional foi para as fabas de Lourenzá con polvo de rocha e cogumelos presentada pola Cafetería La Lira; o premio para a mellor barra foi para O Alén, e dadas as dificultades da selección o xurado decidiu dar dúas mencións especiais, unha para o Bar Galicia polo sabor das súas luras pequenas recheas de marisco con risoto de cogumelos , e outra para O Cantón pola presentación da súa tosta de ovo, con pataca e chourizo. O xurado decidiu tamén deixar deserto este ano o premio á mellor tapa creativa.

O alcalde ribadense cre que "esta iniciativa xa está consolidada e contou con centos e centos de visitantes, onde daba gusto ver aos clientes como lles ían selando as súas cartulinas e onde tiñan que cubrir un mínimo de 17 locais para poder participar no sorteo de agasallos ao público. Congratular a todos os participantes nesta iniciativa, agradecer ao xurado o seu traballo da avaliación e de conceder os premios aos gañadores e convidar xa para o ano que ven á quinta edición deste concurso de tapas aos veciños de Ribadeo e das comarcas da Mariña e do Occidente asturiano".